Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía sustentable (PACES) do Concello de Boiro

O Concello de Boiro traballa na elaboración dun Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), unha acción que ten como obxectivo elaborar un documento final cunha serie de tarefas que permitan acadar uns obxectivos medioambientais e que sirva como folla de ruta contra o cambio climático dende o Concello.  

Para a elaboración deste documento é fundamental a participación cidadá e coñecer a opinión da veciñanza sobre determinados aspectos medioambientais. 

Podes responder a enquisa AQUI

 

O Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable é unha iniciativa europea para que os gobernos locais implanten no seu territorio compromisos en materia de clima e enerxía da Unión Europea. O Concello de Boiro adheriuse en 2019 co compromiso de reducir as emisións de CO2, aumentar a eficiencia enerxética ou aumentar o uso de enerxías renovables. 

Para levar a cabo este proxecto o Concello de Boiro conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e tamén do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea, xa que está subvencionado ao abeiro das axudas destinadas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable. 

Convocatoria de axudas para a obtención do carné de conducir B e C

A Consellería de Política Social convoca axudas para o ano 2021 para a obtención dos permisos de conducir B e C para a mocidade galega. 

 

Requisitos das persoas solicitantes 

a) Ter feitos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención do permiso de clase C e que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antiguidade mínima dun ano.

c) Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia: https://garantiajuvenil.sepe.es/login.action

d) Estar matriculadas nunha autoescola da Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentar a solicitude ou ben ter o/os permiso/s para o/os cales se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data de presentación da solicitude. 

 

Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (13 agosto 2021)

 

 

Máis Información na convocatoria publicada no DOG 13-08-2021

 

Declaración do Concello de Boiro polo día Internacional do Orgullo

Cada ano, o 28 de xuño configúrase como un día de reivindicación e celebración compartida da loita do movemento LGTBIQ e de demostración do apoio e o recoñecemento do conxunto da sociedade. Fai uns días ocorreu no noso pobo un feito sen precedentes, un veciño sufriu na súa vivenda pintadas homófobas por reivindicar os dereitos deste colectivo, un feito que nos avergoña e que dende o Concello de Boiro desaprobamos e rexeitamos.

A celebración do Día Internacional do Orgullo debe servir como unha oportunidade para deixar atrás as medidas regresivas contra a diversidade e os dereitos das persoas e como un avance cara a igualdade real. Dende o Concello de Boiro entendemos que sen os dereitos do colectivo LGTBIQ a nosa democracia non sería plena.

A pesar dos avances realizados, é moito o que aínda anos queda por avanzar, xa que a discriminación do colectivo LGTBIQ ou das persoas que promoven a igualdade segue dándose en reiteradas ocasións e boa parte da poboación segue a sufrir ameazas e insultos e a presenciar comportamentos homófobos.

O 28 de xuño é un chamamento á visibilidade, ao coñecemento e ao respecto das persoas LGBTIQ, unha xornada para poñer o foco en algo que debera ser inherente ao ser humano: a diversidade. Este día debera ser unha lembranza do principio máis esenciais das persoas: “todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”.

Dende o Concello de Boiro consideramos que neste Día Internacional do Orgullo 2021 é importante impulsar cada día accións que promovan a loita contra a desigualdade, fomentando a educación e o ensino como piares fundamentais do desenvolvemento e o progreso.

O pobo de Boiro é orgulloso, de ser e sentir.

Márketing dixital, empregabilidade e cooperativismo

A Fundación Paideia Galicia, co apoio da EOI (Escola de organizción Industrial), a Deputación da Coruña e o Concello de Boiro, abre as inscricións para o programa formativo Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo que se vai desenvolver entre os meses de setembro e decembro no Lab Barbanza do Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira. 

Trátase dun programa de formación para mozos e mozas desempregados e menores de 30 anos no que van adquirir coñecementos sobre márketing dixital e tamén sobre fórmulas de traballo cooperativo. Ademais da formación de 250 horas, as persoas participantes van realizar un traballo final por grupos. 

 

Inscricións: abertas ata o 31 de agosto a través do seguinte enlace

Formación: do 17 de setembro ao 17 de decembro. 

Horario: de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas

Lugar: Lab Barbanza - Centro de Formación e Viveiro de Empresas (Polígono Industrial de Espiñeira) 

Modalidade: presencial

Custe: gratuíto

 

08 13 paideia02

 

Requisitos das persoas participantes

- Ter entre 18 e 29 anos

- Estar en situación de desemprego

 

Máis información 

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

981 910 100

Pleno Ordinario do 24 de xuño de 2021 | Concello de Boiro

O Concello de Boiro convoca celebra este xoves 24 de xuño, ás 20.00 horas, o Pleno Ordinario correspondente ao mes de xuño. 

A sesión vaise celebrar no Salón de Plenos do Concello de Boiro e vaise retransmitir en directo vís streaming a través da canle de YouTube. 

Orde do día da sesión: 

  1. Aprobación da acta da sesión ordinaria do 13/05/2021.
  2. Aprobación inicial do expediente de modificación de créditos 22/2021 de créditos extraordinarios e suplementos de crédito.
  3. Aprobación inicial dos orzamentos de 2021.
  4. Solicitude da Asociación AMICOS de bonificación do ICIO para a obra de execución de entreplanta no Centro de Formación Prelaboral nas instalacións situadas no lugar de Comoxo.
  5. Moción presentada polas plataformas comarcais de emigrantes retornados de Arousa norte e de Muros-Noia sobre a tributación das pensións dos emigrantes retornados.
  6. Moción do grupo municipal do BNG sobre as peaxes das autovías galegas.
  7. Moción do grupo municipal do BNG sobre a retirada do recurso contencioso administrativo ao Plan xeral de explotación marisqueira.
  8. Moción do grupo municipal do BNG sobre a nova tarifa eléctrica.
  9. Moción do grupo municipal de IC Boiro/ grupo mixto sobre o recoñecemento e mención aos policías locais D. Francisco Alcalde e D. Alberto Alonso.
  10. Moción do grupo municipal de IC Boiro/ grupo mixto sobre a instalación de cuberta no recinto deportivo de Vista Alegre.
  11. Moción do grupo municipal do BNG sobre mellora urbanística en Cimadevila.
|